Dicionario da Terra Chá

Dende a Asociación Carabullo queremos propoñervos unha idea. Unha idea que non sabemos a onde chegará, pero seguro que nos vai gustar traballar con ela e sobre todo, coa vosa axuda.

Creamos un espazo neste blogue, para que nos axudedes a facer unha recopilación o máis grande posible sobre palabras e expresións chairegas. Non queremos dicir que sean exclusivas da Terra Chá, pero si que se usen ou oirades usar algunha vez a vosa avoa cando fala da horta, a voso avó cando falaba dos enterros, a un veciño que zoqueaba…

Non queremos que se perdan os alpibardos, as desabogosas, os tumba e revira, os madia leva, pinchacarneiros, adibales, quedar a pré, ameneiros, salgueiros, carvés, trencas, albardas, enciñas, galletas, forquitas, de balde, os pios…

Abaixo podedes deixarnos, en forma de comentario, as palabras ou expresións que vos pensedes que non deberían faltar nun dicionario da Terra Chá, en cada comentario, se facedes o favor, poñédenos en que zona a oístedes e o significado que se lle da.

Comprometémonos a recollelas todas. Moitas grazas pola vosa axuda.

 

15 reflexións sobre “Dicionario da Terra Chá

    • En Outeiro dise “carabullo”, e eu sabía que por Castro xa se dí “garabullo”, igual que por Cospeito. Logo por Bazar será por onde se pode empezar a trazar a liña entre unha palabra e outra…
      Graciñas, Pili!

  1. Ademais dos termos indicados, indico outros termos que, sem ser exclusivamente chairegos, formam parte do galego habitual da Terra Chã e resultam desconhecidos noutras zonas do país.

    bros = machado
    estela = acha (lasca de madeira para botar ao lume)
    cocho = porco
    jato = bezerro
    fieito (variantes: fento, feito, felgo…)
    macieira (variantes: maceira, macinheira…)

    • Moitas grazas! É curioso o nome das árbores… por exemplo eu sempre dixen macinheira…
      O dito, grazas pola aportación!

  2. Aí van un par de palabras que usa unha veciña miña, Josefa. Foron recollidas pola súa neta.
    Nunca as escoitei a outra persoa. Vos?

    Anípalo: Farrapo vello que se pon para sair da casa a un garaxe ou alpendre cando chove ou fai frío.
    Viacenzo: terra pequena e normalmente rin para a colleita.

  3. Pola zona de Xemil, preto de Bretoña, mandaronnos esta palabra.
    VEZAR:
    Ter ou coller o hábito de certa cousa, Moitas veces referido a animais.
    “A vaca vezou no prado e hai que tornala seguido”

  4. Dende Xermar (Cospeito), falaronnos desta palabra, que non é moi coñecida, pero que polo resto do concello tamén se utiliza.
    GARRIDA:
    Agasallo en forma de comida ou lambetada que se lle da ás visitas.

  5. Non podia faltar na lista esta. Non recordo a primeira vez que a oin, pero si a teño escoitado pola Ponte de Outeiro e por Muimenta co primeiro significado. Co segundo significado empregase polos concellos de A Pastoriza e Abadín.
    DESABOGOSO/A:
    1.Persoa pouco participativa.
    2.Persoa desafortunada, persoa que da mala sorte.

  6. Na minha casa sempre se dixo “doira” com o significado de trasnada. Curiosamente nom encontrei outro lugar onde se diga, nem mesmo noutras casas de Seixas. Tampouco entendo qual pode ser a origem… alguém de vós a ouviu nalgúm lugar?

    • Também, por extensom do significado, pode ser um acidente menor provocado involuntariamente por estar a fazer o parvo (quebrar um vidro, por exemplo)

    • Pois a verdade e que eu nunca escoitara “doira” como trasnada… Grazas pola achega!!
      En que parte dices que se utiliza?

      • Em Seixas só, que eu saiba. Outra curiosidade é que o açougue (a “carnicería”) conhecia-se como “a obriga”. Esta vem no dicionário Estraviz, assim que suponho que estaria mais extendido (http://estraviz.org/obriga).

Os comentarios están pechados.