Carabullo Billarda


 

A CONFERENCIA NORLESTE DA L.N.B. PASA DO SEU ECUADOR COA FRANQUICIA CARABULLO DANDO MOITO QUE FALAR.

Antes de empezar ca crónica temos que pedir perdón por non actualizar máis este espazo, uns problemas axenos a nós, impidiron acceder a este lugar, quizais fora o espionaxe dos Estados Unidos o que por medo ao lume chairego nos vetara o noso espacio no internet…

Este ano son tres os equipos cos que Carabullo participa na LNB:

CARABULLO DE TEIXO: Charly, santi, Javi Morán, Miguel Morán, Kiko, Diego, Martín e Ismael.

CARABULLO DE BUXO: Irea, Sofía, José, Tomás, Migho, Noelia e Artai.

CARABULLO  DE TOXO: Andrea, Paula, Pino, Zaira, Dani Morán, Ana, Luís e Ruso.

Se ti queres, tamén podes Xogar!! Unete aos Carabullos!!

Agora imos facer un pequeno resumo do acontecido aberto por aberto ata o de agora:

-Aberto do Bonito, Burela. (28-9-2013)

O esperado debut da tempada 2013/14 foi espectacular, xa que a franquicia de Carabullo acudiu con tres equipos para sorpresa de todas as persoas alí presentes… 19 xogadores e xogadoras, a maior parte deles debutantes sentaron as bases dun ano moi chairego na L.N.B.

Participantes de Carabullo en Burela.

Non puido empezar mellor un dos debutantes, Santi, de Carabullo de Teixo, que fixo no seu primeiro día un  pleno de puntos, obtendo máis tarde o terceiro posto no aberto tras a partida de desempate cos demáis xogadores que acadaron ese pleno.

A clasificación final foi: 1º Richard, de Tropa Lixeira, 2º Juan, dos Billardeiros Musicais e 3º Santi, de Carabullo. Por equipo venceron os Billardeiros Musicais, seguidos de Carabullo de Teixo.

-Aberto “a Terra Non Se Vende”, Ponte de outeiro. (19-10-2013)

Xogamos na casa e iso notouse, a segunda proba do ano foi a organizada por nos, un aberto referencial xa!

No campo da festa de Outeiro brilaron os palanadores e palanadoras da Chá! Ademáis produciuse outro debut de outro equipo chairego, Os Cruzados! Larga vida a estes!!

Gañadores na Ponte de Outeiro.

Aquí cambiou o conto e os da Chá non deixaron escapar nin un só dos trofeos. Así Primeiro foi un dos nosos, acadando a primeira victoria de un Carabullo na presente tempada, e non podía ser outro que Charly, o actual campión da Conferencia Mai, 2º foi Kiko, do Cadaval. E 3º Noe, de Troitas Bravas. Por equipos tamén cambiaron as tornas, e así foron esta vez os Carabullo de Teixo os que levaron a cesta de campións, seguidos polos Billardeiros Musicais.

-Aberto do Ferro, A Pontenova. (26-10-2013)

A seguinte semana diriximonos cara a Pontenova, onde Troitas Bravas organizan un dos mellores Abertos do mundo!!

Na praza dos Fornos, Charly (Carabullo de Teixo) non deu opción aos seus rivais e fixose ca segunda victoria consecutiva, facendose así ca navalla que se lle otorga ao Campión. 2º foi Juan, dos Billardeiros Musicais e 3º o local Xose Regueiro, de Troitas Bravas. En donas foi Geni a que gañou o aberto, sacandose así de encima toda a presión a que estaba a ser sometida no seu novo equipo, os Billardeiros Musicais, 2ª foi Lola, unha das xogadoras do extinguido equipo da Mariña, Os Outros, e 3ª Reyes, outra das novas fichaxes que os Billardeiros Musicais fixeron este ano. Por equipos, foron os billardeiros os que desta volta se levaron o primeiro posto seguidos dos Carabullo de Teixo e os Troitas Bravas, empatados a puntos na segunda praza.

Gañadores e gañadoras na Pontenova.

-Aberto de Flores, San Miguel de reinante. (17-11-2013)

Quizais foi este o peor aberto para os Carabullo, Ou ao mellor foi que pronto nos acostumbramos mal… En San Miguel, foi a primeira vez que non conseguimos meter a ninguén no podio, nin individualmente nin por equipos.

A friaxe do pavillon de Reinante deixounos secos.

Individualmente, Markitos (Billardeiros Musicais), unha das grandes estrelas da LNB, foi o campión e que lle botou o dente ao lacón de Flores, 2ª foi Geni,dos Billardeiros e 3ª Coedo, tamén dos Billardeiros Musicais, dandolle así a victoria tamén por equipos e o pleno total neste aberto a esta franquicia, o que fixo que se despegara na fronte da clasificación, xa que os Carabullo de Teixo vironse superados na segunda praza polas Troitras Bravas, empezando así unha bonita loita por ese segundo posto por equipos que da unha praza para a gran final por escuadras en Conxo a final de tempada.

-Copa Cantábrica, Piedras Blancas. (30-11-2013)

Chegou o San Martiño e con el a tradicional Copa Cantábrica, na que as seleccións de Asturies e Galiza se miden á billarda e a hora de comer a fabada. Se ben para o segundo nos se sabe moi ben quen puido ser a selección gañadora, si para o primeiro. E foi así como Galiza retornou ca Copa Cantábrica para as súas terras.

Selección Galega, ca Copa Cantábrica reconquistada.

O Seleccionador nacional, Flores, o cal se estaba a xogar o posto despois da dura derrota do ano pasado, confiou en tres Carabullos para formar parte da reconquista, desfacendo así o mito de que Asturies nunca fora conquistada. Andrea, Sofía e Ismael axudaron a voltar ca Copa para a casa!

-Aberto do Galo, Ribadeo. (15-12-2013)

“Moito frio de dios pasamos”. Esas foron as declaracións de algún dos palanadores de Carabullo, que recen chegado de Ribadeo tivo que encamar, outro veu con febre e outro ata veu con varicela… Desta maneira foi complicado que saise ningún resultado positivo.

Terreo de xogo en Ribadeo.

En Ribadeo o triunfo foi para Luís Pirucha, dos Gharabotos (franquicia do sur), seguido por Xermán, de Ekipa Bitere, e de Xose Regueiro, de Troitas Bravas, que non puido disputar a final contra estes dous mitos da LNB. Por equipos repetiron victoria os Billardeiros Musicais, seguidos desta volta polos Cruzados, noraboa a estes veciños que no seu primeiro ano están a acadar uns grandes resultados.

-Aberto da Galiña de Mos, Castro Ribeiras do Lea. (11-1-2014)

O primeiro aberto do ano serviu para comprobar que os Billardeiros Musicais siguen igual de afinados que acabaron o anterior.

Chegadas das pitas de Mos nunha sospeitosa furgoneta a Castro, un dos lugares onde se levou a cabo a "Operación Rei".

Nesta ocasión empezouse a ver un novo despunte dos carabullo, pero só foi suficiente para poñer a Santi, toda unha revelación este ano, á fronte da clasificación dos varados.

O gañador foi Juan, dos Billardeiros, que xa o levaba merecendo varios abertos, seguido de un Gharaboto, de Gelín, e a terceira foi Reyes, tamén dos Billardeiros, equipo que se volveu a facer co primeiro posto por escuadras, seguido nesta ocasión polo Cadaval.

-Aberto do Lacón, Meira. (1-2-2014)

Este sempre foi un dos aberto preferidos por nos… E notouse!! M de Meira sempre organiza un gran aberto e os Carabullo estivemos a altura.

O que mellor se soupo adaptar a pista rápida foi Javi Morán, de carabullo de teixo, conseguindo así o seu primeiro triunfo individual nun aberto.

Momento no que Javi recibe o primeiro premio.

Segundo foi outro Carabullo, Santi, que quedou por diante no desempate de Coedo (3º) e de Dani Morán de Carabullo de Toxo.

Santi, recibindo o segundo premio.

E para rematar esta gran xornada, os carabullo de teixo acadaban a segunda victoria do ano por equipos, rompendo así a racha dos Billardeiros Musicais, que foron os segundos.

Equipo Carabullo compartindo a empanada do Muriato polos bares de Meira.

-Aberto da Tarta, Mondoñedo. (22-2-2014)

Nunha das vilas máis fermosas e no que é un dos mellores abertos do ano, os Carabullo ibamos co firme propósito de manter a liña de Meira.

E vaia que si o conseguimos! de novo metendo a un dos nosos no desempate polo primeiro posto! Un gran Diego (Carabullo de teixo), palanador dos máis tolos e atravesados (no bon sentido) que nunca a LNB viu, conseguiu o pleno de puntos e un segundo posto que soupo a victoria!! E non foron máis os Carabullos na final pola mala sorte á hora dos enfrentamentos, xa que o sorteo fixo que os Carabullo de Teixo se tiveran que enfrontar entre si  unha e outra vez (Diego-Charly, Diego-Ismael, Miguel-Ismael, Miguel-Kiko, Ismael-Diego, Martín-Javi, Miguel-Charly).

Diego, segundo en Mondoñedo.

Por equipos, Os Carabullo de Teixo acadamos a nosa terceira victoria do ano e a segunda consecutiva, levando en esta ocasión un butelo, co que medra a nosa fama de que non deixamos escapar unha soa victoria en aqueles abertos onde o premio sea comestible!!

Os Carabullo, vencedores en Mondoñedo e aproveitando para presentar a I Mostra de curtas.

Despois de recibir todos os manxares, a xente de Carabullo, que somos xente agradecida e pouco desabogosa, mantivemos a nosa tradición de ir a tomar algo, e aproveitamos para contar uns contos e de paso convidar a tarta as Troitas Bravas, a Toño Randeira e a “Reporteira Ákrata” da LNB que nos acompañaron de cañas pola vila.

 

 

 

Podemos facer un curto resumo das clasificacións no que atingue a Carabullo. Ata o momento son catro os que están a loitar na xeral para clasificarse para a final individual de Conxo, Charly; Santi, Javi Morán e Ismael. Ademáis de ter estes dous primeiros serias opcions de sair campións de Conferencia a final de ano. Na clasificación feminina son tres as rapazas que están a loitar pola final, Irea, Sofía e Andrea. En equipos, Carabullo de Teixo mantense segundo, afianzando este posto tralas dúas últimas victorias, posto que da praza directa para a final por equipos. E por último na clasificación de varados domina amplamente Santi, de Carabullo de Teixo, seguido de preto polo seu compañeiro Charly, por Artai, de Carabullo de Buxo e pos Dani Morán de Carabullo de Toxo, en esta clasificación tamén se atopan con opcións Diego, Miguel, Javi, José, Pino e Ismael.

Con estes datos podemos decir que os Carabullo estamos a dar moito que falar este ano!! e o que queda…

A seguinte cita será será en Lugo, ao carón da xente de Madia Leva. Alí nos vemos!!

Adiante ca LNB!!

 


 

O CAMPIONATO DA CONFERENCIA NORLESTE VENSE PARA A TERRA CHÁ. CHARLY CAMPIÓN ABSOLUTO DE CONFERENCIA E VARADOS.

Xa fai tempo que se esgotaron os adxetivos para referirnos ao noso mellor palanador, só nos quedaba un por poñerlle, e xa está, xa nos podemos referir a Charly como o Campión!

Charly, no Aberto de Remourelle.

En Remourelle foi onde se decidiu todo. Despois de un espectacular xantar de irmandade na Taberna de Lola, as billardas empezaron a bruar polo aire. Ismael foi o encargado de abrir este último aberto da tempada e fixo acadando unha victoria ante un dos finalistas de Marrozos, Martiño. O seguinte foi Charly, ao que non lle temblou o pulso e pronto demostrou que a victoria final na Conferencia non se lle iba a escapar, Javi, foi o terceiro dos carabullos en actuar. Entre os tres acadaron 20 puntos para o casilleiro do noso equipo que rematou a tempada nunha meritoria séptima posición.

Ao remate do Aberto, Eric de Os Outros fixose co primeiro posto, segundo foi Xermán, de Ekipa-Bitere e terceiro Charly, que non especulou en ningún momento cas posibilidades de que Marcos, de Remourelle Bulls, o puidese alcanzar e aínda tivo tempo de facer un golpe directo que o consilidou a fronte da clasificación de varados.

Entrega de premios do aberto de remourelle na Taberna de Lola a Eric, como primeiro, Xermán segundo e Charly terceiro.

A mariña está revolta! E non só porque a Xunta estea a piques de sacar o Hospital da costa, nin pola cantidade de cacicadas urbanísticas que esa maravillosa costa está a sufrir, nin polos eucaliptos que se convertiron no seu referente paisaxístico… A Mariña está revolta porque por primeira vez na historia da LNB perdeu o seu trono billardeiro.

Entrega de trofeos como campión individual e de varados.

Despois de unha tempada na que a Conferencia Norlesteste se abriu definitivamente cara o centro da provincia, os resultados están a confirmar un cambio necesario para a maior competitividade desta. Os nosos amigos de Tropa Lixeira de Meira acadan a súa clasificación para as finais de Marrozos por equipos (logo da retirada de Os Outros, unha magoa). Dos doce clasificados a nivel individual, seis son da Chaira ou de Meira, ademáis de Charly como campión. Na clasificación femenina duas das cinco clasificadas tamén xogan preto do Miño. Ao campión en varados, Charly, tamén se lle suma Regueiro nas finais como subcampión. Ademáis, hai que destacar as diferentes victorias e os doce podiums acadados ao longo da tempada por Charly e Javi de Carabullo-Billarda, Noe, Regueiro e Carme de Troitas Bravas e Richard e Oscar, de Tropa Lixeira.

Agora só cabe esperar o papel que nas finais da LNB fará o noso campión, Charly. Sea cal sea o resultado final, ninguén nos poderá quitar esta histórica victoria!!

Dende Carabullo seguiremos informando sempre dos resultados da LNB, poñendo especial atención nos acadados polo noso equipo, por suposto! Aquí e no noso facebook, o poderedes ver.

A queixa que queremos deixar e que este histórico e tan importante feito so fora recollido no facebook de O Varal (con unhas escuetas sete palabras) e no Blogue Oficial da Liga Norleste.  A pesar de volcarnos todo o que puidemos con este deporte, parece que un campión chairego non merece o mesmo trato dos medios de comunicación e redes sociais que outros anos ou outras conferencias.

 

 


CARABULLO E A LNB TRIUNFAN EN BELFAST NO “I ABERTO INTERNACIONAL” EN IRLANDA DO NORTE.

Este pasado fin de semana a asociación Carabullo deu un importate paso na consolidación da billarda como deporte, dando a coñecela alén das nosas fronteiras.

O xoves cargamos unha maleta destino a Belfast cos productos galegos máis importantes para convidar a xente que nos acolleu de unha maneira tan emotiva en Irlanda do Norte. Levabamos chourizos, pan da casa, empanadas, licor café, tortillas de patacas chairegas, atún da Mariña Lucense… e porsuposto, billardas e paláns!

Tino recibindo o paquete de supervivencia galego.

Despois de tomar contacto e de recorrer o Ulster durante o venres e o sábado, o comando de Carabullo-Billarda formado por Ana, Noelia, Martín, Tino e Ismael abordou o Botanic Garden para unirse a xente que alí nos estaba a esperar para a desputa do I Aberto nas terras irmáns de Irlanda do Norte, ás que tanta historia e similitudes paisaxísticas nos unen, e agora tamén amigos e amigas que alí nos quedan.

Explicacións previas ao comenzo do Aberto.

 

Con unha participación máis alta do esperado, e despois de unha breve explicación do xogo e as súas normas, comenzou o aberto, con participantes de diferentes Terras, no Botanic Garden, un lugar espectacular para o desenrolo deste, estaban representadas Galiza, Eire, Castela, Irlanda do Norte e Catalunya. Podedes ver todas as fotos desta xornada na nosa páxina de facebook.

Pronto a representación galega deixou ben ás claras que non iamos de brincadeira nin de turismo a Belfast, pero un dos representantes de Catalunya, Oli, e outro do Ulster, Carlos, non quixeron asistir como convidados de pedra, colandose así nuha espectacular final a seis.

Así, despois de sumar os puntos conseguidos na fase grupos chegaron á final Tino con 10 puntos, Ismael con 9, Carlos con 8, Oli con 7 e Noelia e Ana con 6. Pero estas puntuacións non serviron máis que para confirmar unha reñidisima final na que Ana colocou de dous golpes maxistrais a billarda no varal levando así o primeiro posto con 8 puntos nesta fase, o segundo e o terceiro posto houbo que decidilos con unha partida de desempate ao haber dous palanadores con 7, Tino e Ismael, sendo este último o que acadou a segunda posición relegando á terceira a Tino, que completaba o histórico podio deste Aberto de irmandade entre pobos.

Nun dos xestos máis fermosos que se recordan na historia da LNB, foi a campiona, Ana, a encargada de facer a entrega de paláns e billardas ao primeiro clasificado da selección Nort-Irlandesa, Carlos, un ourensán que buscou en Belfast o seu fogar dende xa fai unha boa tempada. Problema que está a vivir moita xente do país, obrigados polo mal facer da clase política que nos está a roubar o futuro. Non marchamos, botannos!

Acto de entrega de billardas e paláns a un dos representantes de Irlanda do Norte. Carlos

O noso obxectivo e a encarga que a LNB nos fixo, cumpliuse. Unha semente queda en Irlanda do Norte. Unha Terra irmá que non olvidaremos e na que a billarda e xa unha realidade.

Participantes do Aberto Internacional de Belfast.

Dende Belfast ata a Chaira e dando a volta ao mundo enteiro botamos un berro ben forte. Polo noso dereito a vivir e traballar na nosa Terra sen que sea ocupada por ninguén e polo noso dereito a xogar ao que nos pete! Liberdade aos pobos, as súas xentes e as súas tradicións!!

 

 

 

 


O ALL STAR 2013 DA L.N.B. UN NOVO ÉXITO DA TRIBU BILLARDEIRA.

O pasado 2 de Marzo desputouse no Pavillon de Muimenta o All star da LNB. E, como non podía ser de outra forma, foi todo un éxito de participación e onde pudiemos desfrutar de unha gran xornada de amizade e de espectáculo con moitas das máis grandes estrelas da LNB.

As doce da mañá escomenzou a xornada co espectacular e dinámico concurso de triples.

Kiko de "O Cadaval", participando no concurso de triples.

Kiko de "O Cadaval", participando no concurso de triples.

Vintecinco billardas colocadas en cinco estancións de cinco billardas cada unha, un minuto e medio de tempo e un varal a dez metros de distancia. Estas eran ás dificultades cas que se encontraron as máis de trinta persoas que se apuntaron a este concurso.

Ao final, despois de ser moi disputado, Daniel, dos Billardeiros Musicais fíxose ca victoria por diante de Miguel de Carabullo, que quedou segundo, e de Javi dos Remourelle Bulls, que foi o terceiro.

Despois de comenzar o All Star de unha forma tan dinámica e rápida, como resultou este concurso de triples, chegou a hora do xantar.

Compañeiros da Conferencia NorOeste e NorLeste.

Compañeiros da Conferencia NorOeste e NorLesteDiferente xeracións billardeiras compartiron ideas e mesa.

 

Despois de encher ben o bandullo a base de callos e churrasco, o All Star continuou de forma máis que espectacular, co concurso de mates, en donde se viu de todo, billardas a pares polo aire, pases entre participantes, tiradas dende lugares inverosímiles e ata billardas con lume!!

O xurado encargado de puntuar os mates, deixou como gañador a Markytos dos Billardeiros Musicais, seguido de Miguel de Carabullo e como terceiros a parella formada por Geni (Os Outros) e por Daniel (Billardeiros).

Acabado o concurso de mates chegou o momento do Aberto das Estrelas, no que participaron cincuenta palanadores e palanadoras da LNB.

Sonia, dos Cochiqueiros de Cerceda.

Sonia, dos Cochiqueiros de Cerceda.

Irea, de Carabullo.

Irea, de Carabullo

Xose, dos tropa Lixeira de Meira.

A clasificación final deixou aos Billardeiros Musicais como auténticos triunfadores do All Star, xa que outro dos seus palanadores foi o vencedor absoluto ao acabar con un pleno de dez puntos. Este non foi outro que Coedo, que foi seguido de Xose de Meira na segunda posición e de Alberte de Cerceda na terceira.

Rematado o aberto escomenzou a entrega de premios. Unha bandexa de uños para o Daniel como campión dos triples, unha bandexa de rabos para Markytos como campión dos mates e unha cachola para Coedo como vencedor no aberto das estrelas.

Premios do All Star.

Así, ca entrega de premios remataron as probas do All Star, pero non a festa. Foi entón cando deixamos o frio pavillón para desplazarnos para o Saloon, en donde a tribu billardeira estaba sendo agardada por unha suculenta mesa chea de pinchos e pola música de dúas das máis grandes bandas do páis!! Ex-tensión Agraria e Os Ulträqäns!!

Incrible o espctaculo musical que nos ofreceron estas bandas, ás que nos desfixeron a trallazos punk-rokeiros directos aos nosos oidos!

Ulträqänizando á sala!

Minas Non! Pagarano ca salú!!

Minas Non! Pagarano ca salú!! Así berraron Ex-tensión Agraria na Chaira!!

Concluidos os concertos e a bebida do local demos por rematado o All Star 2013. Case 24 horas de tralla billardeira que deixou a Chaira coma un potente referente na LNB.

Dende Carabullo queremos agradecer tamén a colaboración das asociacións O Varal, A Chainza, M de meira e Xotramu. Sen as cales non sería posible este All Star.

Longa vida á LNB!! Longa vida ao traballo en común de distintas xentes con distintas opinións!! Longa vida á cultura e a tradición en galego!! Longa vida a Ex-tensión Agraria e aos Ulträqäns!!

(14 de marzo do 2013)

 

 


MONDOÑEDO, TERRA CONQUISTADA.

Outra vez, un pleno de puntos e victoria para Charly en Mondoñedo, ao igual que en Meira,pero desta vez non queda aí a cousa.

O equipo Carabullo-Billarda colleitamos unha boa morea de puntos, estreamos unha nova palanadora na LNB e afianzamos posicións na clasificación individual. Pero por se iso non fose pouco, fixemos un doblete histórico na LNB sendo os primeiros en gañar o Aberto pola tarde e o Abertiño da noite! Martín fixose co Butelo no Abertiño do golpe disputado na praza do concello.

 

(27 de febreiro do 2013)

 

 


CHARLY ENTRA NA HISTORIA DA L.N.B. A GOLPE DE VARADO.

O día da candelaria do 2013 pasará a historia da L.N.B., e do equipo Carabullo-Billarda como o día en que Charly, o noso mellor palanador, deu un golpe de autoridade na Norleste. Dez puntos e tres varados (conseguindo outros dous na final) deronlle unha espectacular victoria no Aberto do Lacón de Meira, ademáis de consolidalo como lider indiscutible ao frente da clasificación individual e a de varados.

O Aberto do Lacón de Meira estaba marcado no calendario de Carabullo. Somos coñecedores do bo facer da Asociación amiga M de Meira, que ano tras ano organizan un dos mellores abertos da Norleste, por iso imos a disputalo coma se fora na nosa propia casa, a relación ca xente de Meira sempre foi inmellorable. Esa foi unha das razóns para que asistiramos un bo número de palanadores e palanadoras á desputa do lacón. Pino, Zaira, Noelia, Diego, Charly e Ismael foron os que cruzaron o Miño para achegarse á Terra Brava de Meira.

Noelia, Pino, Zaira, Diego, Ismael e Charly.

Noelia, Pino, Zaira, Diego, Ismael e Charly.

Como a choiva non parou en toda a tarde, a desputa do aberto transladouse ao pavillón de Meira. Unha pista rápida a que non toda a xente se adaptou por igual, ainda que o equipo Carabullo rápido lle tomou as medidas e empezou a sumar puntos. Así Pino abriu a conta con un espectacular varado. Ismael, copiando a súa tecnica, fixo o mesmo. Noelia, que cada vez está máis a gusto na pista, non se deixou vencer e foi acadando empate tras empate. Diego, despois do espectacular debut en Castro, sumou os seus primeiros puntos en pista rápida e acaparou eloxios coma os de Nacho, de Extensión Billarda, que nos comentou “Carallo po chaval ese, que zorriagazos lle da”. E Zaira, a cal temos que destacar especialmente, con golpes espectaculares coma o que lle serviu para acadar un meritorio empate ante un dos mellores palanadores da Liga, Franco dos Billardeiros Musicais. O futuro de Carabullo está asegurado, ou como dixo no seu día o gran poeta punk Lois Pereiro. “O futuro é agora”.

Zaira

Zaira

Pero non acababa todo aí, non… faltaba el, faltaba o noso Charly Federer. Chegou calado, coma sempre. Mentrás se facía o sorteo e o resto adestrábamos, el adicouse a darlle de revés á billarda facendo tempo. Desputou as súas cinco carreiras conseguindo un pleno de victorias e tres varados, sen dar opción algunha a ninguén e ao mesmo tempo destacando pola súa deportividade e humildade, dandolle a man a todos os seus rivais na pista. Pero iso non lle valeu para acadar a victoria final, xa que por outro lado estaba a actual Campiona Nacional, Lu do equipo Corredoiras, tamén con dez puntos.

Charly e Lu, momentos antes de xogar a final.

Charly e Lu, momentos antes de xogar a final.

Foi na final cando Charly se mostrou máis intratable que nunca. Empezaba el a xogar a primeira carreira, e non podía facelo mellor, con un varado que lle deu o primeiro punto. Despois saía Lu na segunda carreira con un gran golpe que puxo a billarda a vinte cm. do varal. Charly agarrou forte o palán e deulle un espectacular trallazo que estoupou a billarda contra a parede traseira do pavillón, conseguindo así un novo e espectacular varado que foi respondido cos aplausos de todas as persoas que asistían a final, en especial nós, os seus compañeiros e compañeiras que o felicitamos como se merecía, e recordandolle que tiña que poñer a desalar o lacón para celebralo con unha boa papalota.

Charly, co seu trofeo

Charly, co seu trofeo.

Con esta victoria, Charly non so gañou o Aberto, se non que ampliou a súa ventaxa con todos os seus perseguidores na clasificación xeral, deixando xa a Marcos, dos Remourelle Bulls a cinco puntos, e a Daniel, dos Billardeiros Musicais a sete. Tamén lidera a clasificación de varados con dous por riba de Regueiro, das Troitas Bravas.

E, como non podía ser de outra maneira, a prensa rendiuse en eloxios, destacando o seu triunfo en medios como o Blogue Oficial da Liga Norleste, o Xornal dixital da Mariña, Crónica3, o Xornal Dixital Dioivo, o Blogue de O Varal, o Diario Dixital Terra Chá Xa e por suposto nas redes sociais como Facebook ou Twitter.

A próxima cita en Mondoñedo, o 23 de febreiro. En donde, seguro, nos esperan novas emocións e sorpresas. Avante Carabullo!! Adiante co Varal!!

(4 de Febreiro do 2013)


 

XENIALIDADE BAIXO A AUGA DE CASTRO. A NORLESTE MEDRA EN CALIDADE.

Non sabemos se a tribo indíxenista e billardeira estará preparada para semellante espectáculo e tanta emoción como a que se viviu no mercado de Castro  o pasado sábado.

O tempo prometia auga… e choveu, carallo se choveu! Palanadores e palanadoras tiveron que resgardarse da auga mentres non lles tocaba o seu turno, nas naves do mercado de Castro. Ata última hora da mañán o equipo Carabullo- Billarda dudou se reclamar ante altas instancias da LNB, xa que despois de adestrar en herba e declarala coma a nosa superficie preferida, algunha man negra quixo favorecer aos Bulls, metendonos a todos no mercado de gando, e as Troitas Bravas da Pontenova facendonos xogar baixo a auga. Pero deunos igual e mollamonos coma o resto de xente que disputou esta xornada da Norleste.

As naves do mercado serviron como refuxio da auga

As naves do mercado serviron como refuxio da auga

Pero a auga non foi quen de deslucir esta impresionante xornada na que  se produciu un dos mellores debuts da historia da LNB. O equipo Carabullo presentou en Castro a súa nova fichaxe deste mercado invernal. Diego, un home chegado dende A Coruña, que despois de ser conquistado polos encantos da Terra Chá, fichou pola franquicia chairega e debutou con seis puntos e un varado!! Algo que poucas veces se viu na LNB.

Un dos primeiros golpes de Diego na LNB.

Así Diego unese a Martín na lista de palanadores que farán de Carabullo unha referencia na LNB.

Diego e Martín protexendose da auga e prestando atención ao desenrolo da xornada.

Cando de repente todo se parou, o mercado converteuse nun bule bule de murmuros, a xente abriu os ollos para apreciar o que prometía ser o gran duelo de dous dos mellores palanadores das últimas tempadas da LNB, quizais os dous mellores da actualidade,entre os dous que en mellor en forma están. Marcos Fernandez preparabase para chamar á xente coma sempre fai, con voz alta e clara, pero un dos enfrontamentos que dixo fixolle quebrar as  cordas vocais. Cando dixo os nomes de Regueiro e Charly todas as miradas se fixaron na pista central.

Regueiro aspiraba a recurtar distancias respecto de un Charly que empezou frio a xornada, pero esa primeira derrota de Charly, todos sabiamos que o que fixera non fora outra cousa que despertar ao noso Federer, que coma todos os xenios ten as súas excentricidades como demostra este video.

Empezou Regueiro con un maxistral varado que poñía as cousas moi costa arriba a Charly.

Momento no que Regueiro fai o espectacular varado contra Charly

Pero Federer Charly non se inmutou, colocou a súa billarda no chan, levantou a vista ollando o varal e contestou coma moi poucos palanadores saberían facer ante esta situación. Enviando un preciso golpe que se convertiría no empate. Un empate a puntos na carreira, empate a puntos no aberto e empate a varados na cabeza da clasificación da Norleste.

Charly Federer consegue o varado co que empata a Regueiro.

Todo o mercado gandeiro respondeu con un aplauso e con miradas de asombro ante o que acababa se pasar alí. O mellor duelo que se pode ver agora mesmo nas pistas da LNB resolto de unha maneira que firmaría o mellor director da historia do cine de suspense, Alfred Hitchcock.

Pero non acabaron aí as emocións… Quedaba saber quen iba gañar esta épica xornada. Unha final a tres entre Coedo, Oscar e Xermán Viluba, sendo este último o que se alzou ca máis que merecida victoria e rachando todos os pronósticos e meigallos que o acompañaban, segundo os cales nunca gañaba un aberto co PP no goberno do País. Según nos explicou o propio Xermán quizais a proximidade ao cavodano do führer galego fose unha sinal. Dende Carabullo-Billarda queremos dar os nosos parabéns a Xerman por esta victoria que nos comprace de unha forma especial.

Momento da entrega de premios ao gañador da xornada. Xermán Viluba.

Non queremos olvidarnos de facer unha mención moi especial a Mario Saavedra, máximo responsable do evento e que estivo traballando por sacalo adiante pese a sufrir unhas circunstancias personais de última hora que, a calquera das persoas participantes que alí nos enteramos, nos afectaron. Dende aquí unha aperta a el e aos seus.

(15 de Xaneiro do 2013)

 

 

 



COLLENDO FORZAS.

O equipo Carabullo-Billarda está cas pilas totalmente cargadas para asaltar esta segunda parte da tempada. Despois do gran papel realizado en Ribadeo, onde nos viñemos con unha boa chea de puntos, o equipo está a mirar fixamente a Castro!

A LNB volta a Chaira, volta a herba, volta ao noso terreo!!! No vello campo de fútbol de Castro loitaremos contra a choiva, contra a herba, contra o frío e contra quen se poña por diante para acadar a codiciada galiña de Mos.

As imaxes de arriba demostran a nosa destreza sobre a herba, que por algo é a nosa superficie preferida, ao igual que Roger Federer medramos e volvémonos uns rivais duros e aguerridos sobre o verde.

Dende o máximo respecto aos rivais esperemos que esta arenga sirva para dar máis ánimos, se se pode, a palanadores e palanadoras de Carabullo e nos alcemos, por fin, con unha máis que merecida victoria nun dos abertos deste ano. Esperemos non vir co rabo entre as pernas e si con galiñas e cos paláns en alto!

(9 de Xaneiro do 2013)

 


CARABULLO-VISIÓN.

Un novo estalido visual recorre a rede!!

Un video feito a base de trallazos visuais recollidos, unha boa parte deles, durante o I Aberto da Ponte de Outeiro está a pegar forte na rede, ca música de fondo de unha das mellores, máis míticas e loxeva banda galega de rock, os Zënzar. Dende O Varal, alma da LNB, xa se fixeron eco deste video, ao igual que varias persoas usuarias das redes sociais.

Unha explosión visual e auditiva que vos presentamos para que todos os palanadores e palanadoras do país collades forzas para continuar a Liga 2012/13.

Video \”A Billarda\” en Youtube.

 

(12 de decembro do 2012)


 

O EQUIPO CARABULLO DE BILLARDA FAI HISTORIA.

Por primeira vez na historia da LNB, conseguimos ter representación na Selección Galega!!

E a sorpresa veu acrecentada. Se a convocatoria de Charly era, máis ou menos previsible, a convocatoria tamén de Ismael para representar a Galiza en Xixón na desputa da Copa Cantábrica, fai que de novo, a Ponte de Outeiro sexa referente mundial da billarda con dous dos seus veciños na mellor selección da historia (segundo o Instituto Mundial de Estadisticas é Historia dos Xogos Bravús).

Charly, na Ponte de Outeiro.

Charly, na Ponte de Outeiro.

Ismael, no Castañazo 2012

Ismael, no Castañazo 2012

A traxectoria ascendente de estes dous palanadores fixo que o seleccionador nacional, Manolo Flores os incluira na lista definitiva para manter en propiedade o título da Copa Cantabrica que este ano enfrontará a Galiza e Asturias na Praza da Llaboral de Xixón o vindeiro 1 de decembro.

Esta cita ademáis ten tamén coma aliciente a posterior celebración do Festival Internacional Liet 2012 , para darlle así unha maior  repercusión mundial ao evento.

A continuación deixámosvos a histórica lista de convocados:

LISTA DE CONVOCAD@S POR FLORES PARA A COPA CANTÁBRICA – XIXÓN_2012!!

Billardeiros Musicais: Daniel Rodriguez Saavedra, Franco, Julio e Coedo

Remourelle Bulls: Lucía López FernándezBeatriz Pereiro Sordo,Angel Fernández Rodríguez, Suso Villarino e Marcos Fernandez

Carabullo: Ismael de Outeiro e Charly Crecente Pico

Tropa Lixeira: Xose Salgado AgreloRicardo Fernández Yáñez e Óscar

Gharaboto: Luis Alfonso Camiña Otero, Balea, Angelín, Cristian Puente.

Faísca: Xoan Pinto e Xosé Miguel Perez Blecua

Furabolos: Toño Mikokoko e Xosé Antón.

Fillosas de Sangue: David Fontán Bestilleiro e Roizinho Moris Gestal

Cochikeiros: Carlos Gende Prego e Berdillo.

O Cadavaal: Pepe Vidal.

Madia Leva: Ana Jouiknwjsya

Extensión Billarda: Lolé LolailoNacho Eiros,Hervy Dofelso e Adrian Rodriguez Bello

Troitas Bravas: Xosé Regueiro YáñezCarme Otero RuizPaulo Sancheski e Germán

Ekipa Safari: Xose Friol Piñeiroa, xermán-Zimmer Grozni , Ficas , Alejandro Queipo Cartoy

Os convocados de Os Outros: Reyes ACMaria Eugenia Rodriguez SampedroElena CasadoEric Danonino, Guille e Luis.

(22 de Novembro do 2012)

 


 

III ABERTO DE FLORES. SAN MIGUEL DE REINANTE 

De novo cara a Mariña! Alá non mandamos o equipo Carabullo a desputar a cuarta xornada da Liga Noroeste da LNB.

Nada máis chegar vimos que non iba ser unha tarefa doada sair con un bó resultado na saca, pero ningún dos catro compoñentes do equipo en este aberto se veu abaixo e enseguida fixemos un corro para analizar todas as dificultades do día, o sol daba de frente, a superficie de grava era do máis irregular, a cantidade e calidade de participantes era elevada, tres pistas, facía un frio de carallo… Algo que aproveitou o palanador de Tritas bravas, Xosé Regueiro, para espiarnos e así saber cal iba a ser a nosa táctica (así lle foi…), como ben demostra a seguinte foto:

 

O obxetivo erá sacar o máximo posible en cada carreira, e visto a sangría de puntos que se estaban a deixar os favoritos a victoria final da Conferencia, tratar de arroupar a Charly para que saira ben colocado na xeral. E vaia que se saiu…

clasificacions_19.html

 

 

Tanto Kiko, coma Martín e Ismael, fixeron un gran traballo para restar puntos aos perseguidores de Charly. Temos imaxes que demostran o grado de fatiga ao que chegaron os nosos palanadores:

 

Dende aquí queremos dar a noraboa ao gañador do aberto, o noso amigo Marcos, dos Remourelle Bulls, unha victoria máis que merecida!

 

Esperando a que chegue a cita de Ribadeo o próximo 16 de decembro, estaremos atentos á convocatoria do seleccionador nacional, Manolo Flores, para desputar a Copa Cantábrica en Xixón.

(18-11-2012)

 

 


II ABERTO DO FERRO DA PONTENOVA

Este 27 de Outubro desputouse o II Aberto do ferro na Pontenova. Aló fomos os Carabullos, dispostos a manter o nivel do Aberto da Ponte de Outeiro.

Mermados polas baixas, non se pode decir que fora unha xornada redonda, ainda que o papel realizado polos tres palanadores foi máis que aceptable.

Unha vez máis, a coincidencia de un Aberto da Liga de Billarda con un partido da SD Muimenta, fixo que varios dos palanadores forán baixa. O estado físico de un compañeiro e de unha compañeira de equipo tamén afectou a nosa participación (desexamoslles de paso, unha pronta recuperación, que xa case está acadada).

O día era frio e chuvioso, pero a participación, un ano máis era grande. Os fornos que presedían a praza, facían que o campo fora máis espectacular ainda, coma querendo protexer da chuvia e do vento que viña do seu lado. Na zona dos soportais estaban as navallas abertas agardando a que alguén as recollese. E alí estaban os nosos representantes dispostos a pelexar por elas. Nesta ocasíon foron tres, Kiko, Charly e Ismael.

Kiko acadou os dous primeiros puntos ante o “seleccionador nacional”, Flores. Despois os emparexamentos non lle foron moi favorables, ainda que quedou cerca dos seus rivais.

Ismael con cinco puntos, duas victorias e un empate, segue a demostrar unha progresión no seu xogo que está a chamar a atención de varios dos seus contrincantes que o empezan a ver coma unha ameaza.

Mentras Charly, rematou outra xornada máis invicto, acadando oito puntos (tres victorias e dous empates), mantendo así o terceiro posto na clasificación xeral e sendo, xunto con Regueiro, os únicos invictos da Norleste ao remate dos tres primeiros Abertos.

O campión final foi Richar (Tropa Lixeira), que con dez puntos non deu opción aos seus rivais. Acompañarono no podio Oscar (Tropa Lixeira) e Regueiro (Troitas Bravas). Na clasificación femenina Reyes (Os Outros) foi a vencedora e Geni (Os Outros) a segunda clasificada.

A próxima cita será en San Miguel de Reinante o 18 de Novembro. Rendiremos visita ao seleccionador nacional no seu III Aberto de Flores. Alá iremos a recuperar o terreo perdido na Pontenova. Como dixo algún Paspán por ahí estes días, iremos co cuitelo entre os dentes e o sorriso na boca!! Ainda que antes pasarémonos polo Castañazo en Chantada a participar nos xogos bravús e a desfrutar con un dos mellores festivais deste ano a nivel galego (ou mundial).

(27-10-2012)


CARABULLO BILLARDA

Benvid@s a este novo espazo que creamos dentro do blogue da Asociación Carabullo destinado a falar  sobre o “Carabullo Billarda”, o equipo co que estamos a participar na presente edición da LNB.

Empezamos o ano pasado pouco a pouco, para ir tomandolle o pulso á competición. E contra todo pronóstico conseguimos meter a un dos nosos palanadores entre os doce primeiros clasificandose así para as finais de Conxo.

Charly, no momento de un dos lanzamentos nas finais de Conxo

O resto de integrantes do Spartak de Muimenta, así era como se coñecía o equipo o ano pasado, conseguiron irse adaptado ao ritmo da competición participando, en maior ou menor número, en todos os abertos do ano pasado. Zaira, Pino, Noelia, Tino, Javi, Miguel, Kiko, Charly e Ismael forón os integrantes deste Spartak.

Este ano parece que xa temos as medidas pilladas a LNB, e se a participación dos integrantes do Carabullo e firme toda a tempada temos como obxetivos principais clasificarnos entre os catro primeiros equipos da clasificación final e aupar a Charly ao podio da Liga Norleste. Ademáis de gañar algún dos abertos deste ano. Javi Morán xa chegou a unha das finais máis espectaculares da historia da LNB, acadando finalmente o terceiro posto. Polo que a tempada promete, despois de un comenzo regular en Burela, A Ponte de Outeiro foi o noso toque de atención ao resto de equipos participantes na nosa conferencia para que nos teñan en conta este ano!

(23 de Outubro do 2012)

2 reflexións sobre “Carabullo Billarda

Os comentarios están pechados.