O All Star 2013 da LNB xa está aquí!

Unha amalgama de Asociacións encargaremonos este ano da organización do All Star 2013 da LNB. Man a man, Xotramu , A Chainza, O VaralM de Meira e por suposto Carabullo, imos montar unha das festas das que máis se vai falar este ano.

Nin o All Star da NBA, nin os Goya,  nin os Oscar, nin a Feira das Mentiras (tamén coñecida como debate sobre o estado da nazión)… A festa na que se conxuga o mellor espectáculo mundial, a mellor comida, a mellor bebida e por suposto a mellor música é o All Star da Liga Nacional de Billarda!!!

Catel do All Star 2013

cartel do All Star 2013

O polideportivo do colexio de Muimenta será o lugar onde se daran cita as máis grandes estrelas da LNB. Ás doce da mañá comenzará o concurso de triples, de seguido o concurso de mates, onde un xurado decidirá cal é o mellor mate billardeiro, e para acabar a primeira parte do All Star, un concurso de habilidades coa billarda. Despois é a hora de xantar, e para iso o Restaurante Anllo ofrecerá un menú a todas as persoas que asistan ao All Star. Xa co bandullo cheo voltaremos ao polideportivo para desputar o “aberto das estrelas”, Norte Vs Sur.

Pero aquí non remata a festa. Pola noite, no bar “O Saloon” de Muimenta a tribu billardeira desfrutará de dous dos grupos máis grandes do País. Os Ulträqäns e os Ex-Tensión Agraria ofrecerán un concerto que promete pasar á historia pola súa contundencia musical! Concerto no que a entrada será de balde.

Veña, colle o palán, a billarda e arrinca para Muimenta. E vente sen presa, porque á noite os Ulträqäns e os Ex-Tensión Agraria agardante!

A Asociación Carabullo entra a formar parte activa da Comisión contra as minas na Terra Chá.

A finais de 2006 o Diario Oficial de Galicia fai públicas tres concesións mineiras para extracción de cuarzo a favor da empresa multinacional Erimsa. A intervención sobre o terreo abrangue preto de 6000 hectáreas nos concellos de Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza, Vilalba, Abadín e Riotorto.

Zona afectada pola explotación de Erimsa.

Foi entón cando se creou a Comisión contra as minas na Terra Chá. Colectivos agrogandeiros, comunidades de regantes, asociacións deportivas, culturais, veciñais, representantes de todos os partidos e persoas das máis diversas ideoloxías capaces de poñer as súas diferenzas en segundo plano, conforman dita Comisión. E dende xa, a Asociación Carabullo tamén entramos a formar parte activa (aínda que, a título persoal levamos colaborando ao longo destes seis anos). Desde aquela esta Comisión de Asociacións non deixou un só día de traballar:

– Informou os veciños e veciñas dos prexuízos que a extracción do seixo conleva para a actividade agrogandeira en particular e para a veciñanza de toda a comarca en xeral.

– Levou a cabo un intenso traballo xurídico: recursos, alegacións diante dos concellos, seguimento dos expedientes de solicitudes de licencia por parte da empresa…

– Organizou manifestacións e denunciou publicamente a situación (roldas de prensa, concertos reivindicativos, conferencias, charlas, etc.)

– Logrou bloquear -non é pouco- os permisos necesarios para que se iniciase a actividade. Hai que ter en conta que nos enfrontamos a unha Empresa Multinacional con inmenso poder e que a Administración nunca nos apoiou.

SITUACIÓN ACTUAL:

A finais de 2008, Erimsa solicitou as licenzas urbanística e de actividade en Cospeito, Castro de Rei e A Pastoriza. Os concellos non contestaron e Erimsa entendeu concedidas as licenzas «por silencio administrativo».

A Comisión instou os consistorios para que, amparándose na Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural, afirmaran que non cabía entender o silencio administrativo como licenza. Erimsa presentou recursos nos xulgados de Lugo e demandou os concellos afectados. Houbo cinco contenciosos, dous por Cospeito, dous por Pastoriza e un por Castro de Rei. Agora os tribunais dan a razón a cada un dos representantes que a Comisión contra as minas nomeu para cada contencioso, ao Sindicato Labrego Galego, aos concellos e a outras persoas do sector gandeiro e veciñal. Desestimando así a licenzas.

Estas sentenzas foron unha boa nova para todas as persoas que defenden o delicado equilibrio entre as necesidades económicas reais da comarca, o medio ambiente e a conservación do seu rico patrimonio natural e cultural. Pero isto non representa unha victoria final, xa que, o que a xustiza lle denegou á Multinacional Erimsa, foron as licenzas urbanística e de actividade. Seguen a ter a concesión mineira, polo que a historia non acaba aquí, seguiremos loitando!

Aínda así non é pouco o que a Comisión contra as minas na Terra Chá leva conseguido, xa que grazas a ela, conseguiuse que, a día de hoxe, ningunha excavadora comenzara a destruir a terra para extraerlle o seixo.

Dende a Asociación Carabullo tamén queremos aproveitar este artigo para dar o noso apoio e ofrecer o noso traballo a veciños e veciñas de Corcoesto. En donde unha mina de Ouro ten ameazada a toda a comarca Bergantiños.

Charla informativa sobre a estafa das preferentes.

Se a túa entidade bancaria de toda a vida che ofrece un producto chamado “preferente” é porque ti eres unha persoa preferente para a entidade, ti eres especial. Ademáis a entidade está a ofrecerche unha rentabilidade que supera o triple do habitual… Pero iso non é todo, sentada detrás do mostrador ou da mesa da dirección está esa persoa da que te podes fiar, coñecela dende fai tempo e sabes que non che vai a fallar. Con todo isto, e tendo en conta que podes confiar na túa entidade de toda a vida, aproveita, aproveita esta oportunidade a que só alguén preferente para o Banco pode ter. Asina…

Este é o “modus operandi” que utilizaron para roubar os aforros de tantos veciños e veciñas. Amparados pola lei (non se sabe ben cal), polos gobernos autonómicos, estatal e europeo, por unha tal comisión Nacional de Valores, polo Banco de España… e en último caso polos xuices e xuizas que non sentan coma acusados a dirixentes bancarios para que rindan contas ante a xustiza, se esta existe realmente non se pode consentir que esta “tropa” ande solta despois de roubar, estafar e enganar á xente.

Este próximo venres 18 de xaneiro, ás nove e media na casa da cultura de Muimenta, as Asociacións Xotramu, Aquilino Iglesias Alvariño, Empresarios de Muimenta e Carabullo, organizan conxuntamente, unha charla informativa sobre a estafa das preferentes. Membros da Plataforma de Afectados polas Preferentes de Lugo é avogados especializados no tema falarán e darán resposta a todas aquelas dudas e preguntas que poidades ter sobre as reclamacións á facer, a “quita” que aprobou o Estado, os termos utilizados para o engano, as posibilidades de recuperar os aforros…

Agardámosvos na Casa da Cultura o venres ás nove e media. Están convidadas todas aquelas persoas afectadas e non afectadas. Está é unha loita común, por solidaridade e contra as inxustizas cometidas polo capital.

 

Chegada dos Reis a Muimenta.

Coma en anos anteriores, a Asociación Aquilino Iglesias Alvariño e a ANPA do Colexio de Muimenta organizaron conxuntamente a festa de Reis para o disfrute de todos os nenos e nenas da vila.

En esta ocasión a Asociación Carabullo quixo colaborar con tal acto participando activamente na tarde de Reis. Como todas as realezas do mundo, os Reis Magos non son moito de traballar, polo que varios dos compoñentes da asociación, deixando a un lado as nosas ideas ateas e antimonárquicas, quixemos botarlles unha man, tanto a eles coma aos seus paxes a hora de chegar a Muimenta e poder repartir os agasallos a todos aqueles nenos e nenas que se portaron ben durante todo o ano.

Os Reis e os Paxes, na súa chegada en tractor a Muimenta, en donde non disfrutaron de moitos luxos.

Tamén se portaron ben, pero que moi ben, os cativos e cativas de diferentes idades que representaron dun xeito maxistral e tanto nos fixeron rir, a obra de teatro “O Inspector”. Dirixida polo noso Stanley Kubrick particular, Pepe da Gloria. O cal non só se encargou de dirixir a obra, se non que foi o guionista de toda a xornada.

Momento no que os Reis Chegan ao nacemento.

Hai que destacar tamén a orixinalidade do impresionante Belén vivinte no que participou moita da nosa veciñanza. Nun marco impresionante, como é a vella iglesia da vila, recentemente remodelada por Xotramu, compartiron lugar as persoaxes deste particular Belén, con animais da granxa Lar do Acivro, ferramentas de varios dos vellos oficios que se están a perder, utensilios de cociña…  que retrataban como sería o nacemento se de verdade ocorrese na Terra Chá.

Un dos pastores dando de mamar a un añiño.

Xosé, María e o neno Xesús.

Por ver as caras de ilusión de nenos e nenas mereceu a pena deixar de lado ideais e problemas, para colgarse ao lombo uns farrapos e botarse a andar cara o nacemento. que non será só o do neno Xesús, será o nacemento de un ano cheo de esperanzas e loitas porque poidamos sair desta situación na que nos meteron os ruins e ineptos e da cal o  cidadan de a pé non ten culpa. Da cal sairemos grazas a modelos de autoxestión necesarios.

Videoforum contra a violencia de xénero.

Este pasado 25 de Novembro foi o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. e dende a Asociación Carabullo quixemos organizar un acto para por de manifesto que nos tamén estamos contra todo tipo de violencia, e a de xénero en especial.

O acto, baixo un formato de videoforum, tivo lugar na recentemente remodelada, escola vella de Muimenta, no campo da igrexa.

Escomenzando co visionado de unha serie de cinco curtametraxes sobre a violencia de xénero. Curtas premiadas no concurso “– es +, cine para ser la voz de quienes callan.” Nas cales, os guionistas foron estudiantes de entre 14 e 17 anos de ESO, Bachelerato e Formación Profesional. E con caras coñecidas do cine, como Chus Gutiérrez, Ángeles González Sinde, Daniel Guzmán, Malena Alterio, Emma Suárez, Eduard Fernández ou Víctor Elías.

De seguido presentamos un video, feito por membros da asociación, no que se expón outra visión sobre a violencia de xénero e diferentes causas que poden facer chegar ata este extremo. A visión da muller, tanto no cine, coma na publicidade, na música… e os esquemas sociais, que tan custosos son de trocar, son as liñas que segue este video. Aquí vos deixamos este enlace para que o poidades ver e opinar:

watch?v=wQcWJXmJd5o

Dende a Asociación Carabullo non imos a cerrar os ollos contra esta lacra. Non só o 25 de novembro, todos os días do ano berraremos Non á Violencia de Xénero. E invitámoste a que ti tamén o fagas con nós!!

 

 

Paláns, Billardas e Foliada contra as Minas de Seixo da Chaira.

Este pasado 20 de Outubro celebrouse o I Aberto “A Terra Chá non se vende”.

Dende o Primeiro minuto intuíase unha xornada festiva na Ponte, o sol foi o noso compañeiro todo o día e a afluencia de palanadores e público foi excelente.

Dúas pistas de xogo, con unha saida en asfalto e o resto na  herba do campo da festa foron o terreo que puxo as suficientes dificultades, as que había que engadir os cincuenta m. de largo,  para que os máis de 60 palanadores e palanadoras non conseguiran un só varado.

Ademáis dispuxemos de unha pista alternativa para que todas aquelas persoas que quixeran practicar colleran un dos nosos paláns e estouparan a billarda cara a pancarta que presidía o campo da festa.

A gran afluencia de participantes fixo que se conseguira un record de participación na Conferencia Norleste.

Os favoritos ao tiunfo final, enseguida empezaron a poñer as cartas riba da mesa e as billardas no varal para ir sumando puntos cara a victoria final, así os experimentados Regueiro (Troitas Bravas), Daniel (Billardeiros Musicais), Charly (Carabullo), Reyes (Os Outros), Franco (Billardeiros), Lucía (Remourelle Bulls) e Markitos (Billardeiros) iban contando as súas partidas por victorias. A eles uniuselles a sorpresa da xornada, Javi (Carabullo) que pasiño a paso conseguiu un espectacular pleno de partidas gañadas. A Javi só o conseguiron igualar Markitos, Regueiro e Franco.

Así foi que houbo que disputar unha espectacular e épica final xa sen a luz do día, pero alumeada polos pulos dos asistentes que seguían golpe a golpe a estes catro palanadores, que loitaban por un dos tres lugares no podio e de paso por acadar a semente da victoria da Terra Chá sobre os especuladores que pretenden roubar o noso seixo!!

 

A noite deixounos a seguinte clasificación final:

Terceiro clasificado, Javi Morán, de Carabullo, que tivo opcións de victoria ata a última carreira de desempate. Representando a un Equipo que fixo un gran papel neste Aberto, xa que os Carabullos conseguiron o seu record de puntos nun aberto, aupandose eles tamén, a terceira posición por equipos na liga Norleste. Javi, declarou estar máis que ledo co seu trofeo de terceiro clasificado e co freixo que plantará “alí, detrás da casa”, ademáis de levar as fabas do Gardarrios para a semente do ano que ven e así poder convidar a todos os seus compañeiros de equipo a unha gran fabada.

Javi recolle o premio de mans de Kiko, de Xotramu

Javi recolle o premio de mans de Kiko, de Xotramu

O segundo clasificado foi Xose Regueiro, de Troitas Bravas. que con estes dez puntos pon ben as claras que é un dos favoritos a victoria final na Conferencia. E de paso conseguindo o trofeo elaborado a man, un lote de fabas do Gardarrios de Lourenzá e un castiñeiro que prometeu plantar nun dos prados dos que saca a herba para abastecer a súa granxa de vacas.

O primeiro clasificado foi Markitos, dos Billardeiros Musicais, que acadou os seus primeiros dez puntos e deixou patente en cada golpe o porqué é un dos mellores xogadores de billarda de todo o Pais. Para nos foi un honor darlle a el o trofeo de gañador do I Aberto “A Terra Chá non se vende”, xunto das súas fabas e dun Carballo que recordará por moitos anos quen foi o campión deste aberto no centro de Ribadeo.

Markitos, o campión do aberto, que recolle o trofeo de mans de Ismael, de Carabullo.

Rematada a entrega de premios, presentada polo gran Xermán Viluva, non acabou a festa. A Asociación Carabullo quixo agasallar, e de paso, dar as grazas a xente que participou nesta gran xornada con unha mesa cargada de pinchos elaborados polos integrantes de dita Asociación.

 

Co bandullo cheo, empezou a foliada, na que os Billardeiros Musicais, Pepe de outeiro e a súa familia e o grupo de música e danza de Pastoriza nos fixeron bailar ata altas horas da noite de reflexión.

  

O 20 de Outubro do 2012 quedará no noso recordo por ser o día no que, unha vez máis demostramos que co traballo en equipo de varias asociacións (Carabullo, Xotramu, a LNB e a A. V. Virxe da Portería de Outeiro) e sen ningún apoio institucional, porque tampouco o pedimos nen o precisamos, se poden facer ben as cousas e organizar un dos máis espectaculares Abertos da historia da LNB. Ademáis de plantarlle cara ao xenocidio medioambiental que se quere perpetrar contra a Chaira.

A Terra Chá non é a súa mina! Billarda sempre e adiante co Varal!!

 

 

 

A LNB chega á Ponte de Outeiro

A Liga Nacional de Billarda chegará o vindeiro 20 de outrubro de 2012 á parroquia chairega da Ponte de Outeiro gracias ó empeño dun dos nosos membros e fundador: Ismael García. Este non será un aberto máis da LNB pois temos organizado unha gran foliada, ademáis dunha boa churrascada (gratis) e moita festa para todos os billardeiros e billardeiras.

Seguindo co noso afán de facer cousas orixinais, os nosos trofeos serán totalmente artesanais (nesto temos que dar mil grazas a Anahi Barreiro)

Trofeos artesanais. ABF

Dende o noso equipo “Carabullo” intentaremos facelo o mellor posible, depositando as nosas esperanzas na estrela do noso equipo “Charly”.

Pronto poremos por aquí as fotos e o reportaxe do Aberto do próximo Sabado.

Saúde!

 

Até sempre Lois

O 17 de Maio de 2011 adícaselle o día das Letras Galegas a Lois Pereiro.

Unha agrupación de asociacións culturais lucenses, composta por M de Meira, A Chainza (Pastoriza), Leña Verde (Pol), Auruxeira  (Bretoña) e Carabullo organizou en Bretoña o 13 de Maio, un dos actos maís emotivos e punk en homenaxe ao poeta do Incio. Demostrando que a unidade fai a forza e con un cartace digno da súa presenza ( podedelo ver na foto de abaixo).

Un día no que disfrutamos de boa parte da historia viva bravú galega, e que, segundo palabras dos propios participantes se respiraba o espírito de Lois por cada recuncho do teleclube de Bretoña.

Facendolle unha homenaxe ao epitafio de Lois Periro, “Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria.” Dende a Chaira, ese día saiu toda a furia que temos dentro.

Campionato de Fútbol 7

No ano 2011, Pino (integrante desta asociación), tivo a xenial idea de organizar un campionato de F-7 en Muimenta. Naqueles intres a nosa asociación non existia, pero todos traballamos para que isto se fixera realidade, apoiandonos na asociación de xogos tradicionais de Muimenta (Xotramu) e con moito esforzo, conseguimos organizar un campionato, que foi, segundo moitos un éxito de participantes e público.

Neste ano volveuse a organizar sendo outro exito, xa dende a nosa asociación Carabullo.  Os cambios foron pouco destacables, pois os organizadores foron os mesmos, nós co nome de Carabullo e Xotramu axudando coma sempre.

Dende aquí tamén queremos dalas grazas a o equipo directivo da S.D. Muimenta pola súa desinteresada  axuda, deixandonos as instalacións e poñendo todo o que estivo na súa man para que todo saíra ben.

Todo comezou cara Mongolia

Como case todo o apreciabel neste mundo o equipo Madialeva Mongol Rally, comezou coma unha toleada máis. Unha devanada mental unha noite de festa, un soño. Eu que non tiven nada que ver con esta gran aventura fun o oínte,  público privilexiado que, daba opinións e consellos (malos case todos). Todo, e cando digo todo é todo, foron problemas, tiveron problemas dende ca dispoñibilidade persoal (un dos integrantes que resultou ser o mecánico do equipo, tivo que dar a volta dende Ucraína) como o vehículo donado pola cruz roxa que nun principio ía ser unha boa ambulancia e despois tornouse nunha vella e pobre carraca de 20 anos. Aínda con todo e isto chegaron, atravesando medio mundo nunha carraca, na que lles chovía dentro, que case non andaba, pero chegaron.

Esta é a tipica historia que moitos non nos atreveremos na nosa vida máis que a soñala.

Pois á nosa maneira seguiremos soñando pouco a pouco e facendo cousiñas máis cativas comparado ca toleada pola que todo isto comezou pero queremos seguir traballando e divertíndonos por un mundo, un pouco máis pequeno que o abarcado polos nosos tres aventureiros; Muimenta e a Chaira.